
Margarida Cardoso: Filmar Despois do Imperio. Cinema, memoria e poscolonialismo no cinema portugués contemporaneo
A realizadora Margarida Cardoso visita por primeira vez Galicia para impartir un curso sobre a maneira en que o cinema portugués confrontou as herdanzas do colonialismo, a memoria da guerra colonial e das independencias africanas ao longo de diferentes xeracións.
Partindo da súa experiencia persoal en Mozambique durante os últimos anos do colonialismo portugués e do percorrido desenvolvido entre documental e ficción, o curso abordará os modos en que memoria, arquivo, silencio, violencia e identidade atravesan o seu traballo cinematográfico.
A través de fragmentos de filmes, imaxes de arquivo e materiais de investigación, revisitaranse filmes como Natal 71, Kuxa Kanema: O Nascimento do Cinema, A Costa dos Murmúrios, Yvone Kane e Banzo. Estas obras dialogarán con outros filmes e autores do cinema portugués que, en diferentes momentos e perspectivas, reflexionaron sobre o pasado colonial e as súas continuidades no presente.
A formación procurará tamén pensar de que maneira o cinema pode facer visibles zonas esquecidas da historia, cuestionar narrativas oficiais e crear espazos de escoita e reflexión sobre experiencias marcadas polo colonialismo e polas súas persistencias contemporáneas.
Máis que unha abordaxe exclusivamente histórica ou teórica, esta será unha conversa sobre procesos creativos e sobre o lugar do cinema na construción (e desconstrución) das narrativas poscoloniais.
Sobre Margarida Cardoso
Margarida Cardoso é unha realizadora e guionista portuguesa. Traballou en Portugal e en Francia como asistente de realización, script e fotógrafa de escena, ata que en 1995 comezou a escribir e realizar os seus propios filmes explorando temas que cruzan a súa historia persoal con cuestións marcantes da historia recente de Portugal, como a guerra colonial en África, a revolución e o final do período colonial. Os seus filmes foron exhibidos e premiados en festivais como o International Film Festival Rotterdam, o Venice Film Festival e o Locarno Film Festival. É tamén profesora de cinema na Universidade Lusófona, no mestrado internacional DocNomads, na Escola das Artes da Universidade Católica do Porto e na EICTV, en Cuba. En 2015, o Departamento de Estudos Literarios, Lingüísticos e Comparados da Università degli Studi di Napoli L'Orientale creou a “Cátedra Margarida Cardoso”, un centro de práctica e investigación creativa inspirado na súa obra.
Información
Datas: Sábado 29 e domingo 30 de agosto, catro horas cada xornada.
Horario: Almorzo: 9:00 -10:00 h; Curso: 10:00 -14:00 h; Xantar: 14:00 -16:00h
Prezo: 160 euros para reservas antes do 10 de xullo ás 23:59 h (pago completo antes desa data); 200 euros para reservas a partir do 11 de xullo e ata completar capacidade (máximo 20 persoas).
Localización: A Casa da Memoria (Xullán, Bóveda)
Inclúe: Formación, almorzo e comida, con posibilidade de acampada gratuíta. Ademais, as persoas participantes terán acceso a todas as actividades programadas dentro do contexto do Vendaval, que se celebrarán no mesmo espazo ao longo da fin de semana. A programación inclúe proxeccións de filmes, concertos, conversas e outras actividades con convidados ou representantes dos filmes galegos e portugueses.
Aloxamento recomendado: Hotel Arume, situado a só tres minutos en coche d’A Casa da Memoria (Avda. de Galicia, 4, Ctra. Monforte-Lugo, Km. 42, 2, 27350 Lugo 982 42 60 05)
Idiomas: Portugués, castelán ou galego.
Contacto: vendaval@vendaval.gal | +34 636 21 47 58.
Entrevistas:
