Vendaval 2ª Mostra de Cinema Portugués Ribeira Sacra

O Vendaval é un espazo de divulgación do cinema portugués na Ribeira Sacra -Galicia- que pretende ser un punto de encontro entre o cinema e a realidade dos dous lados da fronteira. Cun programa que destaca as coproducións luso-galegas e os vínculos artísticos e culturais entre ambos territorios, é tamén unha aposta polo cinema de autor no rural.

A través dun programa estruturado en varios pases ao longo do ano -outono, primavera e verán-, o Vendaval pretende chegar a un público diverso involucrando profesionais do audiovisual, das artes e do coñecemento, centros educativos e tecido asociativo.

É unha mostra que articula o cinema con concertos, conversas, obradoiros, actividades gastronómicas e de contacto coa natureza, programados en diferentes contextos e en colaboración con outros espazos da contorna, mais con base en A Casa da Memoria (Bóveda, Lugo).

E cando o vento amaine, quedará o seu eco, a certeza de que, por un intre, o cinema uniu fronteiras e fixo do rural galego o centro do mundo.

O crítico de cinema Martin Pawley presentando un filme en A Casa da Memoria. Foto Darío Eyré Proxección en Sober. Foto de Darío Eyré Proxección de "Hanami" de Denise Fernandes en A Palleira (Sarria). Foto de Darío Eyré

O realizador Carlos Martínez-Peñalver Mas presentando "Á Procura da Estrela" no Centro Sociocultural de Bóveda. Foto de Darío Eyré

O grupo portugués A Colmeia e a cantante lucense Iria Estévez en A Casa da Memoria. Foto de Darío Eyré.

O actor e realizador Miguel Nunes en conversa en A Casa da Memoria. Foto de Darío Eyré.

A Casa da Memoria é un espazo no rural onde poder disfrutar do entorno. Foto de Darío Eyré

Video-instalación co filme "Noite Sem Distância" de Lois Patiño no espazo de A Casa da Memoria.

Actividade infantil orientada por Micaela Iglesias en A Casa da Memoria. Foto de Darío Eyré